La Voz de Galicia – 6 de setembro, 2024 →
De súpeto todo volve ao seu ritmo anterior. O tráfico, a xente na cidade, as colas das administracións, os nenos no parque, as aldeas baleiras. De súpeto chega setembro e dámonos de fociños coa volta ao cole, a volta ao traballo, a volta ao lugar ao que chamamos casa: a volta a esoutra vida que tamén é nosa, pero que puxemos en pausa durante o tempo que nos permitiron deixala. E aínda que as vacacións de verán non pertencen a todos (pois nin todos poden collelas, nin todos cambian de rutina), hai un algo especial na idea de coller vacacións de un mesmo, de coller vacacións da vida propia para sentir unha vida allea, aínda que sexa por uns días, por unha tarde ou por unha fin de semana. A vida do que vive a carón do mar, do que vive na praia, a vida do que viaxa constantemente, do que ten unha casa no monte, do que coida dun xardín, do que reside nunha gran cidade… Todas esas vidas que non son nosas pero que tentamos practicar cando decidimos (e podemos) coller vacacións da nosa realidade.
Se cadra, as vacacións de verán non deixan de ser unha expectativa que nunca se cumpre: sexa polo feito de que non todo o mundo as ten, ou polo feito de que non serviron para nada máis que volver máis canso, ou mais queimado (no sentido figurado).
E ás veces a realidade de cada un é tan complexa que resulta inviable deixar de lado a vida real, pois esa vida ocupa tanto que fai que non sexa posible desconectar coa idea dunha vida imaxinada.
Quizais o que quero dicir é que cando as vacacións non son máis ca unha ilusión remota, un cambio de rutina (aínda que sexa por unha tarde) tamén pode curar o cansazo da alma e axudarnos a ver a realidade con outros ollos…