Carreiras múltiples

La Voz de Galicia – 7 de febreiro de 2020 →

Cristina PatoHai un par de meses vin un documental sobre Ramón Sender Barayón, o fillo do escritor Ramón J. Sender, no que repasaban a vida deste fascinante compositor. Sender Barayón foi un dos pioneiros da música contemporánea norteamericana e o fundador do San Francisco Tape Music Center (un histórico centro da música electroacústica). Nun momento do documental, falando da súa filosofía, espetou «I don’t want to be a single career person» (algo así como «non quero ser unha soa cousa» ou «non quero ser persoa dunha soa carreira»), e con esa frase fíxome reflexionar sobre a liberdade que ofrece a idea de que un pode ser o que un queira cando un queira; un pode ser varias cousas á vez…

Hoxe o Dositeo cumpriría 83 anos. Durante a súa vida, meu pai foi acordeonista, fotógrafo, enmarcador, xoieiro e moitas cousas máis; pero el era sempre o Dositeo, fixera o que fixera, o que importaba era a persoa.

O negocio do meu pai era fiar. E dende que morreu, hai dezasete anos, teño pendente recuperar as historias das súas rutas: Dositeo ía de bar en bar vendendo xoias, que logo a súa clientela ía pagando aos poucos. Meu pai veneraba aos seus clientes. E aínda que falaba pouco deles, na miña casa sabiamos que confiaba moito nas señoritas (o xeito co que se refería ás mulleres que se dedicaban á prostitución), e que os feirantes e os donos dos bares eran homes de palabra.

E eu sempre quixen coñecer as vidas dos seus clientes, dos que cando morreu meu pai se achegaron a saldar as súas débedas coa miña nai. Dos que, coma el, fixeron mil carreiras para saír adiante e as levaron todas con nobreza e dignidade…

Feliz aniversario papá: eu tamén mudarei de carreira para escribir a túa historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.