La Voz de Galicia – 14 de maio, 2021 →
No meu camiño á casa pasei por diante de tres farmacias, e de súpeto decateime de que as tres tiñan o escaparate cheo de publicidade de medicamentos para a ansiedade e a depresión. Diferentes marcas e remedios, uns naturais e outros non, pero en todas estaba escrito en grande «Ansiedade» «Depresión». Chamoume a atención o feito de que nunca reparara no que anunciaban as farmacias do barrio até que vin esas dúas palabras…
Durante esta semana celébrase a Semana Europea da Saúde Mental, unha iniciativa da organización Mental Health Europe (MHE) para sensibilizarnos sobre a importancia da saúde mental. No vídeo de presentación, a directora en funcións da MHE, Liuska Sanna, lembrábanos que «non hai saúde sen saúde mental» e repetía o sinxelo e relevante lema da campaña: «A saúde mental importa».
Quen sabe cales serán os efectos a longo prazo desta pandemia, pois non podemos nin imaxinar o que está por vir a nivel social, económico e cultural. Pero hoxe, un ano e pico despois do comezo da pandemia, cun sistema saturado, pregúntome cantos de nós temos as ferramentas necesarias para saír adiante coidando a nosa saúde mental e a dos que nos rodean. Somos conscientes da súa importancia, pois aféctanos a todos nalgún momento das nosas vidas, pero non sempre sabemos como entender e afrontar os problemas relacionados con ela.
Os escaparates das farmacias do barrio fixéronme pensar que coidarse significa moitas cousas, entre elas aceptar que somos vulnerables, falar con alguén e buscar axuda, pero tamén significa atopar o tempo para respirar profundamente, descansar, dar un paseo por aquel fermoso xardín ou chamar a aquela persoa que sabes que está soa.