La Voz de Galicia – 29 de novembro, 2024 →
Así, sen decatarnos, comeza esa época do ano na que se vende a felicidade en frascos de colonia. Esa época na que intentan convencernos de que temos que estar felices, e tamén temos que amosalo, a poder ser cos nosos xestos. E eses xestos, moitas veces, están relacionados con transaccións comerciais que nos fan cómplices da maquinaria que empurra esta curiosa vida moderna.
E unha non deixa de preguntarse para que necesitamos tantas cousas, e que nos leva a sentir que realmente temos que compralas… A miña nai mercou uns zapatos novos hai un ano e medio, na casa chamámoslle os zapatos do alcalde, pois foron pagados con aquel bono que recibiron os ourensáns na primavera do 2023 para gastar no comercio local. Pero para mercar eses zapatos tivemos que negociar duramente coa miña nai para convencela de que os que levaba postos, eses que xa pasaran sete veces polo zapateiro, xa non podían lidar con máis paseos. «Pero se aínda serven! Só hai que cambiar a sola!», dicíame camiño da zapatería, e eu explicáballe que xa cambiaramos a sola, e as tapas, que xa non tiñan arranxo posible. E ela seguía discutindo que non entendía para que iamos comprar uns zapatos se os que levaba aínda valían: «non ves que os levo postos?». Ao final accedeu a mercar os zapatos, pero non porque estivera convencida de que non podía seguir cos vellos, senón porque entendía que había que gastar ese bono en algo…
Pensando na miña nai, en días coma hoxe, pregúntome como pasamos, nunha soa xeración, de non poder gastar en nada, a gastarnos o pouco que temos en cousas que probablemente non nos fan ningunha falta. Pregúntome que fixemos como sociedade para «avanzar» deste xeito…