La Voz de Galicia – 19 de novembro, 2021 →
Quedan corenta e dous días para rematar o ano, e unha non deixa de pensar canto de este ano nos levaremos para o próximo. Esta falsa normalidade na que nos atopamos axúdanos a seguir cara adiante sen ter que razoar moito sobre o que temos pasado, pero quizais ese sexa o noso problema como sociedade. Pois neste ritmo acelerado que usamos para consumir novas, comida e as nosas vidas, non sempre contemplamos o tempo necesario para reflexionar.
A pandemia aínda está aí, presente, arredor de nós. Co incremento dos casos, vemos como se impoñen as restricións nas comunidades veciñas, e supoño que en breve aceptaremos de novo as que nos toquen a nós, pois realmente non podemos facer outra cousa máis que aceptalas. Pero, que supón esta nova etapa na que, a pesar de estar vacinados, seguimos co medo no corpo? En que momento decidimos que xa pasou todo, que podemos seguir coma se nada?
A pasada semana, cando concluíu en Glasgow o Cumio do Clima, a prensa americana falaba do decepcionante xeito que tiveron de cambiar a linguaxe que repercutía nun dos problemas máis graves relacionados co cambio climático: as emisións de dióxido de carbono. Falaban da diferenza que había entre phase out e phase down, é dicir da diferenza entre «eliminar gradualmente» e «reducir gradualmente». E ironicamente pensei que, polo menos, tiveran a dignidade de non mentirnos á hora de dicir que realmente non ían facer moito máis para mellorar o mundo. A linguaxe arredor da pandemia tamén mudou, e con ela mudamos nós. Mais eu só desexo que reflexionemos sobre o que pasamos, e actuemos para que estes corenta días que lle quedan ao ano non se convertan nunha corentena máis.