La Voz de Galicia – 21 de abril, 2023 →
Co gallo do Día Mundial da Creatividade e a Innovación, unha non para de pensar no que significan esas dúas palabras nesta etapa da nosa historia, na que aínda non sabemos cales serán as consecuencias dos avances da intelixencia artificial na sociedade. Pois o debate arredor de ferramentas coma ChatGPT ou DALL-E fai que unha cuestione a relación entre a creatividade e a emoción, entre a innovación e a paixón, entre a irrealidade e a humanidade.
Hai unhas semanas visitaba a galería de arte Gagosian de Nova York para ver en persoa unha exposición de fotografías xeradas con intelixencia artificial e creadas polo director de cine Bennett Miller. Mentres o Xan e mais eu paseabamos pola sala, comentabamos a curiosa beleza e misticismo que emanaban esas imaxes, pero tamén falabamos do significado dunha mostra que abraza a idea de que a creatividade e a innovación poden camiñar soas, sen que haxa unha persoa que as exercite para dar vida a unha obra de arte. Curiosamente, a reflexión pública de Miller (en forma de exposición) nace dun proxecto documental sobre o rol da tecnoloxía na nosa percepción da realidade, e entendo que foi creada, entre outras cousas, para facernos matinar sobre iso.
E nestes días, nos que abondan as novidades editoriais para celebrar o Día do Libro, unha desexa que, a pesar de todo, sigamos sendo nós, os seres sensibles, os que nos emocionemos lendo as historias que nos contan os seres sensibles que as escriben, coidando cada unha das súas palabras co mesmo cariño co que coidamos dos seres sensibles aos que amamos… Pois a posibilidade de que a IA desenvolva a capacidade de ser coma nós non deixa de revolverme as entrañas.