La Voz de Galicia – 13 de setembro, 2019 →
Nun par de días, o 15 de setembro, celebraráse de novo o Día Internacional da Democracia. Segundo a páxina da ONU, os obxectivos da celebración dos Días Internacionais son dous: «que os gobernos tomen medidas, e que os cidadáns coñezan mellor a problemática e esixan aos seus representantes que actúen».Pero, que pasa cando o concepto da democracia non está claro? Que pasa cando a sociedade perde a confianza no sistema que a define? Sen dúbida é complicado escoitar e dialogar para chegar a un acordo, pero se a Declaración Universal de Dereitos Humanos dí «que a vontade do pobo é a base da autoridade do poder público», que pasa cando o poder público non ten a capacidade de porse de acordo para formar un goberno que nos represente a todos?
Non sei cales serán as leccións que aprenderemos no futuro sobre esta etapa da política española, ou da política local ou global. Non sei canto está nas nosas mans para poder cambiar o xeito que temos de «esixir aos nosos representantes que actúen», pero a historia avanza, cos pequenos grandes problemas que asoballan á sociedade actual, e somos nós, os cidadáns, os que acabamos sufrindo as consecuencias da falta de consenso dos que eliximos democraticamente.
Son eles a representación da nosa sociedade actual? Políticos que non se falan, que non se escoitan, que non dialogan, que se insultan, que non avanzan. Eu quero crer que non. Quizais coa clase política e o poder pase o mesmo que coa distribución da riqueza, que hai un 1% que acumula a mesma riqueza que o outro 99%. Entón, se a sociedade é ese 99% que quere unha vida máis xusta e mellor, espero que non perdamos a fe en nós ao vernos reflectidos neles.