La Voz de Galicia – 10 de maio, 2024 →
Lía esta semana un par de artigos sobre a biografía de Candy Darling escrita por Cynthia Carr, que me levaron a reflexionar sobre o meu propio xeito de entender as realidades arredor de min a través dos anos. Durante a miña adolescencia desenvolvín unha paixón polas biografías que me levou a descubrir unha infinidade de mundos desde Ourense, e que tivo moito que ver coa miña actual vida en Nova York. Daquela, entre as personaxes que devoraba estaba Andy Warhol, e precisamente nas miñas viaxes dos anos noventa fixérame cunha serie de cintas VHS coas películas de Warhol/Morrisey, que logo vin na casa e que o único que lembraba delas era a dureza que emanaban as vidas das protagonistas. Entre esas protagonistas estaba Candy Darling, unha icona non só do universo warholiano senón tamén da historia da visibilidade LGTBIQ+. Darling (1944-1974) foi unha actriz trans norteamericana que viviu unha vida complexa, e precisamente a través do estudo desa vida unha non deixa de pensar no que cambiou a realidade das persoas trans, en canto avanzamos nalgúns países con respecto aos seus dereitos, pero tamén en canto nos queda por avanzar.
Na miña adolescencia probablemente non me parei a pensar na realidade vital dunha artista coma Darling. E quizais o que máis envexo da adolescencia de hoxe en día e o seu acceso á documentación de todas estas vidas que nos axudan a entender a sociedade do pasado e a do presente. E simplemente desexo que ese acceso nos axude a que non volvamos atrás no tempo, a que non volvamos a cuestionar os dereitos fundamentais de todas as persoas. Pois tal e como amosan algúns estados norteamericanos, calquera pode chegar e arrebatalos.