La Voz de Galicia – 25 de setembro, 2020 →
Só quería pagar un recibo. No documento puña algo así coma «efectuar o pago en calquera das entidades financeiras colaboradoras», e logo viña un listado de bancos. Así que, como o recibo era da miña nai, e arredor da súa casa hai tantos bancos coma bares, pensei que sería máis cómodo pagalo en efectivo nunha desas «entidades colaboradoras».
Entrei no primeiro banco, e un humano comunicoume que agora ese tipo de xestións había que facelas no caixeiro. E eu pensei, vaia, pois si que estou desactualizada. Explicáronme que, aínda que eu fose a única persoa no edificio (como era o caso), simplemente non se podía facer a xestión coma sempre se fixo (algo así coma «toma os cartos, toma o recibo, ponme un selo, grazas»). Como o caixeiro estaba fóra, nunha rúa moi transitada, e ademais había cola, decidín ir a outro banco. E no último banco da rúa, un humano explicoume de novo que había que facer a xestión na máquina. Pero esta vez decidín quedar, pois o caixeiro estaba dentro e non había ninguén esperando. E como nunca me entendín moi ben coas máquinas, o amable humano (ímoslle chamar Manuel) fixo a xestión comigo. Pagamos os recibos, pero a máquina non aceptaba moedas, así que cando rematamos coa operación en billetes decateime de que o cambio, en moedas de un euro, non me collía nas dúas mans, pois a máquina só da o cambio en moedas… Entón pregunteille a Manuel «e agora que fago con elas?», e el contestou: «Podes ir á caixa e dicirlle á persoa que está alí que chos cambie por billetes».
E así, contando moedas con outro humano, no mesmo mostrador no que non puidera pagar un recibo, pensei no triste que é que á deshumanización lle chamen progreso.