Discriminación por idade

La Voz de Galicia – 3 de abril, 2020 →

Cristina PatoNon sei cando foi a primeira vez que escoitei falar do «idadismo», pero nas miñas notas escribira «idadismo e xénero» e supoño que estaba relacionado con algún titular discriminatorio que lera, ou coas conversas que ás veces teño coa maior das miñas irmás, Teté, que como enxeñeira na cincuentena ten moito que contar con respecto aos ismos cos que se enfrontou na vida.

O xerontólogo norteamericano Robert N. Butler (1927-2010) acuñaba o termo «idadismo» (ageism) no 1969, definíndoo coma «a discriminación sistemática contra as persoas pola súa idade, así como o racismo e o sexismo o fan pola cor da pel e o xénero». O concepto de Butler falaba dos estereotipos con respecto á idade, e da presenza deste tipo de discriminación non só a nivel individual senón tamén a nivel social e institucional.

Quizais unha das leccións máis dolorosas desta crise é precisamente ver como estas formas de discriminación, tan presentes na nosa sociedade avellentada, son invisibles para os que non as viven acotío. As novas sobre o impacto do coronavirus nas residencias de maiores en España énchennos de impotencia, e ver que o problema é sistemático, que está a pasar en tódalas comunidades, é se cadra máis triste. A discriminación é un virus poderoso que ás veces mata de xeito violento e outras de xeito silandeiro. Reflexionar como sociedade sobre cales son os outros tipos de discriminación silenciosa que nos asoballarán nos próximos días é un exercicio tan doloroso como necesario, pero non podemos deixar que a tristeza embace o noso espírito solidario para poder seguir loitando polos dereitos daqueles heroes e heroínas que nunca pediron nada a cambio: os nosos maiores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.