La Voz de Galicia – 28 de xullo, 2023 →
Seica esta semana pecharon os salóns de beleza para mulleres en Afganistán. Que as autoridades os prohibiron, e que, segundo o portavoz do Ministerio para a Propagación da Virtude e Prevención do Vicio, esta semana as forzas de seguridade en Cabul aseguráronse de que se cumpría a prohibición. Hai uns meses o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobaba unha resolución condenando a discriminación dos talibáns contra as mulleres en Afganistán, instando aos talibáns «a reverter rapidamente as políticas que restrinxen (…) o acceso á educación, ao emprego, á liberdade de movemento e á participación na vida pública». Pero as cousas seguen avanzando polo camiño máis escuro posible nun país no que os dereitos humanos e liberdades fundamentais das mulleres e nenas son xa case inexistentes.
E mirando os medios, eu pregúntome cales son as razóns polas que nesta realidade na que vivimos, decidimos prestar máis atención ás inxustizas dunha parte do mundo esquecendo as doutras partes do mundo. Pregúntome por que nalgúns casos miramos para outro lado, e noutros involucrámonos coma se estiveran pasando na nosa contorna, a pesar de estar pasando igual de lonxe. Pregúntome quen selecciona as prioridades por nós, e o porqué desas prioridades, pois é importante estar informados sobre as atrocidades que están a pasar.
Como dicía a activista Maryam Rayed: «O que pasou en Afganistán é unha lección para o mundo: que o progreso nos dereitos das mulleres é fráxil en todas partes». E unha non deixa de sentir unha terrible impotencia ao pensar que esas mesmas mulleres que onte tiñan vida, metas e ambicións, hoxe son borradas da sociedade, e quen loita por elas?