Emigrantes

La Voz de Galicia – 25 de Maio, 2018 →

Cristina PatoSaín da estación de metro co meu marido e de súpeto oímos berrar en galego. Eran as obras da rúa máis concorrida do barrio de moda de Brooklyn, Williamsburg. Na miña ignorancia do mundo da construción non sei dicir quen era quen, pero o que máis berraba parecía que mandaba, e os que escoitaban semellaba que entendían perfectamente o galego. Quedamos mirando un chisco, e eu non puiden evitar preguntar ao máis enfadado de todos: e logo, de que parte de Galicia es? E el, cun medio sorriso, respondeu: de onde sodes vós? Algo pasou na obra que deu a volta de novo para seguir berrando sobre o son da maquinaria pesada que estaba a cortar o tráfico. Camiñamos uns pasos máis a través dos conos cando outro, cun aire máis calmado, achegouse e comezou a falar connosco: de Galicia, do traballo, da vida… pura filosofía no medio do enxordecedor son da civilización.

Non me lembro dos nomes, só da sensación de intensa ledicia e dos lugares de orixe: Muros e Noia. Sacamos unha foto xuntos, descubrín a razón da súa migración e levei o sorriso na alma durante todo o día.

Non eran máis vellos ca min. Nin eran descendentes daquela xeración de emigrantes galegos a Nova York ou Newark que atoparon o seu camiño na construción a mediados do século XX.

A Mark Twain atribúeselle a frase «a historia non se repite, pero a miúdo rima», e é que a historia da emigración galega segue a rimar consigo mesma, e a vida do noso no exterior segue a ser fascinante.

Ao rematar en Brooklyn fomos tomar un caldo ao Sevilla, e coma sempre ollei para o reloxo de Roberto, o emigrante galego que non cambiou a hora da nosa terra dende que saíu de Celanova hai máis de cincuenta anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.