Escravos do esquecemento

La Voz de Galicia – 23 de agosto, 2019 →

Cristina PatoO novo proxecto de The New York Times, chamado 1619, pretende reformular a historia norteamericana a través dunha serie de artigos e programas de divulgación que exploran o xeito no que a escravitude ten marcado practicamente tódolos ámbitos da sociedade moderna. Neste mes de agosto fanse catrocentos anos da chegada do primeiro barco de escravos aos EUA.

Falando sobre este tema cos meus colegas, rematamos discutindo sobre a diferenza no xeito de revisar a historia entre uns países e outros. Saíu o tema da lei da memoria histórica en España e, de súpeto, un dos meus compañeiros dixo, a propósito do proxecto de The New York Times, que «polo menos non tardastes 400 anos, coma nós».

Era unha conversa coloquial, ao rematar unha clase, pero ao coller o coche para volver á casa quedei matinando no feito de que, despois de dezaseis anos vivindo nos EUA, teño unha idea máis ou menos clara da historia da escravitude neste país, e do contexto do derrubamento de moitos monumentos públicos relacionados co tema, pero non son consciente de ter unha idea clara sobre a historia da escravitude no noso. Entón cheguei ao iluminador artigo de Xavi Domingo sobre La desconocida historia de la esclavitud en España, que fai un repaso polos personaxes que se enriqueceron coa trata e que aínda teñen monumentos nas prazas, e de aí saltei, grazas a Xenealoxia.org e RTVE, a un dos máis tristes capítulos da nosa historia particular: a Compañía Patriótico Mercantil do ourensán Urbano Feijóo y Sotomayor, que no ano 1854 trasladou a Cuba a 1.744 galegos para traballar en condicións de escravitude.

Quizais nós levamos máis anos que os ianquis esquecendo as nosas atrocidades?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.