La Voz de Galicia – 20 de Abril, 2018 →
Estou segura de que lin Anagnórise cando era unha adolescente, de lonxe aínda me lembro dos personaxes. Pero non me lembro de estudala a ela; coma tantas outras mulleres invisibles das ciencias, das artes e da literatura, María Victoria Moreno Márquez simplemente non aparecía nos meus libros de texto.
Estaba a falar cos meus colegas do que significa que non estudemos ou reforcemos as referencias femininas no mundo da cultura e no académico, ou que, cando o facemos, escollendo a unha para cumprir co tema, esta se converta na que carga co peso de todas nas súas costas. Falabamos porque na xira na que estou agora somos dez homes e unha muller no escenario, e eu chanceaba coa idea de que se fallo tocando a Messiaen, pois en certo modo fallo por todas…
Dende o ano 1963 celebramos o día das nosas letras o 17 de maio, que foi o día da publicación do Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, e cada ano dedícase a unha figura da nosa literatura. Dende o 1963 até o 2018 coido que só tres mulleres foron homenaxeadas, incluíndo a Rosalía. María Victoria Moreno será a cuarta.
E xa que o próximo luns é o Día do Libro, pedinlle ao meu marido que me conseguise (en Nova York) dez libros en galego escritos por dez escritoras actuais. E aquí empeza o reto: cantos de nós somos capaces de nomear a dez mulleres vivas da literatura galega? E por que nos custa tanto?
Habelas hainas, a moreas, e cargadas de historias tan emocionantes e excepcionais coma poderosas. A miña interminable lista inclúe, entre outras moitas, a Inma López Silva, Yolanda Castaño, María Solar, María Reimóndez, Carmen Blanco, María Xosé Queizán… E a vosa?