La Voz de Galicia – 26 de novembro, 2021 →
Supoño que é porque levo algún tempo pensando no que significa o fracaso na sociedade de hoxe, e no que cambiou a súa definición nestes últimos anos. Na era dos wasaps virais, dos gústame e dos chíos, hai fracasos instantáneos dos que non todo o mundo consegue levantarse. Pero fracasar é un proceso de aprendizaxe polo que todos pasamos nalgún momento das nosas vidas, e precisamente por ser un proceso non debería ser instantáneo, pois hai unha chea de factores que conducen a unha a un fracaso, xa sexa persoal, escolar ou profesional.
Aínda así, cando penso nos diferentes xeitos que temos de entender o fracaso, penso no feito de que sempre me fascinou a diferenza que había entre o xeito que tiñan de entender o fracaso nos Estados Unidos e o xeito que tiña Galicia. E falo en pasado, porque nestes anos as cousas cambiaron moito. Antes da era da hiperconexión, o fracaso súbito non estaba tan presente, e quizais por iso podías ter a oportunidade de aprender del. Pero iso hoxe semella imposible, pois os fracasos son tamén públicos…
O caso é que esta semana ilusioneime ao escoitar unha noticia sobre o Museo do Fracaso (Museum of Failure), unha iniciativa do psicólogo e investigador en innovación Samuel West, que reuniu unha colección de produtos e servizos que foron un fracaso (o coche DeLorean, as Google Glass, unha versión máis doce da Coca Cola…), coa idea de «estimular un debate produtivo sobre o fracaso e inspirarnos a asumir riscos» partindo da base de que «a innovación e o progreso requiren unha aceptación do fracaso». E eu quedo con esa idea, a de que aceptemos o fracaso para poder aprender, non só da nosa experiencia, senón tamén da dos outros.