Infinitas

La Voz de Galicia – 12 de marzo, 2021 →

Cristina PatoNon sei se é porque agora somos máis sensibles, ou se está relacionado coa importancia de atopar referentes para os diferentes xeitos de existir na sociedade. O caso é que hoxe é máis fácil que hai dez anos atopar información sobre unha realidade que non é a túa, ou sobre as experiencias dun personaxe cunha historia de vida tan relevante coma a súa obra.

Esta semana, buscando un documental sobre a vida da pintora Ángeles Santos, caín, de casualidade, nun documental sobre Carmen Laforet no que se falaba da súa relación coa súa existencia como escritora. E como Nada é unha desas novelas que marcou a miña adolescencia (e hei de confesar que non sabía moito da vida da muller que narrou as emocións que eu pensaba que ninguén máis sentía), decidín aparcar por un momentiño a Ángeles Santos… O caso é que nun momento do documental, a hispanista (e biógrafa da autora) Roberta Johnson comentaba unha das frases que lle dicía a escritora: «Tes que perdoarte tódolos días»… E durante un intre quedei pensando nesa frase, e no bonito que sería poder ter a alguén que nola diga cando non deamos saído de onde estamos, e na idea de que esa sensibilidade da que falaba antes, esa idea dos referentes, podería definirse no contexto desa mesma frase…

A historia non escrita está chea de relatos de vidas non contadas. Mirando á miña biblioteca reflexiono sobre o complexo que tivo que ser para tantas autoras chegar a publicar as historias que querían contar. E mirando para a miña nai, penso sobre o complexo que tivo que ser guiarnos a través dun mundo que non contaba con ela. Vexo unha vontade infinita. E síntome en débeda con todas elas. Por infinitas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.