Insomnio

La Voz de Galicia – 21 de setembro, 2025 →

Cristina PatoEra un mosquito minúsculo, tan minúsculo que aínda que ouvía a súa aguda frecuencia, non era capaz de velo. Comezou a voar arredor da miña orella ás tres da mañá. E cando axitaba a man para tentar acabar con el, de súpeto aparecía na outra orella. Pasei así media noite, e a outra media rascando todos os meus nocellos, pois ese mosquito ínfimo non deixou unha articulación sen picadura.

Acabei espertando ao Xan, que medio durmido (e medio sentido), acendeu a luz, colleu o matamoscas e esperou pacientemente a que aparecera. Pero non apareceu. E unha vez aceptamos o noso fracaso, decidimos volver durmir. E cando conseguín conciliar o sono, o ridículo son do insolente mosquito manifestouse de novo, e fixo a noite imposible. Desesperada esperei a que a frecuencia se pousara nalgún lugar da miña cara e, sen pensalo moito, coa man completamente aberta, dinme unha labazada tan forte, que coido que me fixen dano a min mesma. Non sei se o matei. Non me deu tempo a sabelo, pois aos cinco minutos, desgraciadamente, soou a alarma e rematou a miña noite sen sono.

E hoxe deume por pensar (supoño que será polo cansazo), que o desprezable mosquito, non é tan diferente a eses pensamentos que, ás veces, contra as tres ou catro da mañá, aparecen na miña mente, espértanme co seu ronsel, e a pesar de loitar por apartalos, non consigo desfacerme deles. Non hai matamoscas que os pare. Ou si, todo depende de se consigo acender a luz sen espertar ao Xan para volver a ese libro de Marías ou Didion ou Montaigne, e así encamiñar os meus pensamentos escuros cara os daqueles escritores que iluminan esas noites insomnes que, con ou sen mosquito, dan forma á miña existencia.

1 Comment

  1. To kill a mosquito in that situation, hold your pillow above your head at arms’ length. When the skeeter gets between you and the pillow, smush said pillow down on your face. It works.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.