La Voz de Galicia – 16 de Marzo, 2018 →
O titular dicía «Cuatro ayuntamientos ourensanos tienen más farolas que habitantes». Aparentemente Lobeira, Calvos de Randín, A Veiga e O Bolo son os concellos que contan máis farois que persoas… Fixen unha captura de pantalla para mandarllo ás miñas irmás, pois a combinación das palabras do titular era suxestiva e recoñezo que me fixera algo de graza, pero no mesmo intre no que o estaba a enviar, un arrepío paralizou o meu corpo. Que haxa máis farois que persoas significa máis cousas que o despoboamento: significa desaparición… Por unha parte pensei en por qué se precisan tantos farois e viñéronme á cabeza todos os viúvos e viúvas que viven sós no corazón do rural e na idea de que merecen os mesmos dereitos que os que viven nas vilas: iluminación.
Pensei tamén na iluminación que necesitamos na nosa sociedade para decatarnos do que está a pasar, pois na mesma semana do titular sobre os farois lera unha nova sobre o feito de que máis da metade dos municipios de Galicia contan con máis pensionistas que afiliados á Seguridade Social. Na folga de mulleres da pasada semana tamén se incluían reivindicacións para os pensionistas. Non esquezamos que o aumento do 0,25 % significa unha suba de apenas 98 céntimos ao mes para unha viúva ou para alguén cunha incapacidade permanente absoluta… E non esquezamos as razóns polas que os pensionistas (mulleres e homes) están a saír ás rúas… Mañá sábado, 17 de marzo, sairán de novo ás rúas para seguir iluminando o feito de que, se son a maioría e perden poder adquisitivo, manter o exercicio económico da outra metade, a dos afiliados, vaise converter en tarefa imposible… É un quid pro quo.