La Voz de Galicia – 18 de Agosto, 2017 →
A empatía é algo difícil de ensinar; aprender a identificarse cos sentimentos do outro require esforzo e intención, e sobre todo require ser capaz de escoitar con todos os sentidos para poder percibir as emocións que son imposibles de ser contadas.
E é aí onde a música xoga un papel fundamental, pois axúdanos a facer sentir as emocións doutros, e se a iso lle sumamos a memoria cultural que de seu levan as obras musicais, entón entramos no incrible universo de sensacións que fai que a música forme parte da nosa existencia como especie. A música é parte da celebración da vida, achega paixón e creatividade e conta a historia dun pobo: como vive, como se relaciona e cales son as historias que o fan ser como é.
Segundo Yo-Yo Ma, o mentor que me abriu as portas ao redeseño da educación a través das artes na Universidade de Harvard, as catro calidades necesarias para sobrevivir no mundo laboral son a colaboración, a flexibilidade, a imaxinación e a innovación. A súa dúbida é que, se o noso sistema educativo está deseñado para adquirir coñecemento e pensamento crítico, que estamos a facer para que os estudantes desenvolvan esas catro calidades tan necesarias para a vida?
A música exercítaas de xeito natural, e se fósemos capaces de incluír a práctica musical no sistema educativo, a seguinte xeración desenvolvería non só esas capacidades, senón tamén a empatía. Quero pensar que unha sociedade que non só goza da música, senón que respecta a súa función como motor da nosa identidade, é posible, e quero poder ver como as institucións entenden que as artes son tan transcendentes que privar a unha xeración delas, no sistema público, podería traer consecuencias graves no noso xeito de entender ao próximo.