La Voz de Galicia – 7 de agosto, 2020 →
Escoitaba falar a Marina Oural e pensaba na diferenza que hai entre entender a arte como unha forma de vida e entender a vida como unha forma de arte. O seu traballo xunto a Ugia Pedreira, desde a súa Oficina galega de outros asuntos do movemento, fai que unha reflexione sobre a responsabilidade social (e ambiental), e sobre o rol das artes nesta definición de cultura que, ás veces, non nos deixa ver que cultura é todo, moito máis alá das artes.
Na nosa conversa falamos de arte e saúde, de arte e diversidade (co seu proxecto Inclusiones coa Fundación Edes) e do que supón volver ao rural, con tódalas súas consecuencias. E a través dela entendín a importancia de iniciativas como Vida con arte no rural: a primeira xuntanza de proxectos culturais do rural de Ourense e Lugo, coordinada por Cristina Castro e Anxo Moure, celebrada o mes pasado en Garabelos (Chantada) coa intención de «favorecer o intercambio de coñecemento e experiencia» entre os diferentes proxectos.
Pensei na importancia desa rede, e na idea dun movemento rural que nos axude a ver que a nosa fortaleza cara o futuro pode estar precisamente aí, na Galicia baleirada. E pensei nos xeitos que atopa cada un para revalorizar o solo que pisa, e no que significa ser sustentable no século XXI.
Marina e Ugia abrirán o Prado de Piego, no Val de Lourenzá, para facer algo intanxible: invitarnos a crear e reflexionar sobre ese outro xeito de entender a vida na que a terra é a raíz das nosas realidades. Un espazo inclusivo para compartir beleza e saúde, para, a través delas, «darse permiso para sentir e facelo visible». Ese é o seu valente xeito de devolverlle á terra o seu valor.