La Voz de Galicia – 19 de xuño, 2020 →
Son xeitos diferentes de vivir e de entender as cousas, pero é ben curioso ver cómo operan os gobernos e as organizacións culturais con respecto a abrir as portas para celebrar eventos artísticos. A pasada semana, mentres estaba en Nova York, saíu a nova de que a New York Philharmonic, unha das orquestras máis prestixiosas do país, cancelara toda a súa tempada até xaneiro do 2021, algo que xa fixera a Metropolitan Opera uns días antes. Estas dúas organizacións, xunto con outras coma o Carnegie Hall, por seguridade e responsabilidade social, xa tomaran a iniciativa de pechar os seus edificios en marzo, horas antes de que as autoridades do estado e da cidade de Nova York o fixeran de xeito oficial.
Esta semana tamén lía a nova de que a orquestra Panorama decidiu cancelar a súa tempada de verán, pois entre outras cousas prefiren «non promover as posibles aglomeracións derivadas das nosas actuacións». A Xunta de Galicia anunciara que as verbenas poderían volver o 1 de xullo, seguindo estritos protocolos de acceso e seguridade, pero a Panorama tomou a súa propia decisión baseándose no impacto económico e na responsabilidade social.
Son dous xeitos de entender a música completamente diferentes, pero son tan importantes e necesarios coma o resto das músicas e manifestacións culturais que forman parte das nosas vidas. E quizais esta sexa unha oportunidade para volver a apreciar os formatos pequenos, e para volver á cultura como ferramenta de desenvolvemento social.
E agora que damos a benvida ao verán, simplemente espero e desexo que sexamos incriblemente responsables para que esta apertura ás verbenas e aos concertos non traia consigo máis tristezas.