Narrativas herdadas

La Voz de Galicia – 15 de abril, 2022 →

Cristina PatoCoido que hai case dez anos que comecei a escoitar o seu nome, e desde aquel momento quedei enganchada ao seu traballo, non só polo que significa a nivel artístico, senón tamén polo que significa a nivel social. A obra de Angélica Daas, fotógrafa brasileira residente en Madrid, está a medio camiño entre a arte e a responsabilidade social, e o seu xeito de conseguilo conecta con tódolos públicos posibles.

Fun seguindo a súa carreira, especialmente a viaxe do seu proxecto Humanæ, un fascinante traballo de reflexión e documentación sobre a diversidade a través da cor da pel. E cada vez que o proxecto rachaba un novo teito, ou chegaba a outro lugar histórico, alegrábame por ela coma se nos coñeceramos de sempre, pois hai algo incriblemente familiar no seu xeito de contarnos o que importa, algo que fai que a súa curiosidade sexa tamén a nosa.

En Humanæ, Angélica Daas consegue precisamente iso, que nos resulte familiar apreciar a diferenza para así poder celebrar a beleza do que somos, amosándonos a diversidade a través da «ineludible singularidade do ser humano». E faino a través dun fermoso proceso que tamén se converteu nunha potente ferramenta educativa, pois na súa colección de fotografías de persoas «o fondo de cada retrato está tinguido cun ton de cor idéntico a unha mostra de 11×11 píxeles tomada do nariz do suxeito e emparellada coa paleta industrial Pantone», desafiando así os estereotipos relacionados coa cor da pel e mostrando unha diversidade infinita.

Daas di que Humanæ «é unha especie de xogo para cuestionar os nosos códigos», e con el fai a unha pensar que reflexionar sobre as narrativas herdadas debería ser un xogo obrigatorio para todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.