La Voz de Galicia – 30 de agosto, 2024 →
En Sicilia, coma en todas as partes, hai naufraxios e naufraxios. Hai naufraxios nos que, sen querelo (pois non somos nós os que creamos as noticias), sabemos os nomes das persoas que pereceron, as súas historias, por que estaban alí nese momento, que familiares os sobreviven. E logo hai naufraxios nos que o único que sabemos son cifras: número de mortos, número de vivos, número de menores, de bebés, de mulleres, de homes… Neses non sabemos os nomes das persoas que pereceron, neses non temos nin idea das súas historias, nin que foi o que os levou a esa embarcación nese momento, nin que familiares os sobreviven. Hai naufraxios con nomes e apelidos, e hai naufraxios invisibles, tan invisibles que nin sequera sabemos cal é o número real de migrantes que morren cada día intentando chegar ás costas de Sicilia (ou ás costas de Canarias).
Esta semana, ao ver a cobertura do triste final que lle esperou a Mike Lynch, o magnate inglés que para celebrar o fin dun longo litixio escolleu o iate de luxo Bayesian para pasar uns días cos seus seres queridos e achegados; deume por pensar no complexo mundo no que vivimos. O naufraxio do Bayesian é un naufraxio con nomes e apelidos, os medios cóntannos as historias das sete vítimas e as razóns que as levaron alí. E agora tamén nos contan que están investigando a tres membros da tripulación para esclarecer as causas do naufraxio, para atopar culpables. E, ao igual que hai naufraxios e naufraxios, tamén hai culpables e culpables. E eu simplemente desexo vivir nun mundo no que os culpables dos outros naufraxios, dos naufraxios invisibles, tamén paguen polos milleiros de vidas que o mar se leva cada día por mor deles.