La Voz de Galicia – 28 de xuño, 2024 →
O outro día, nun deses retrasos que xa semellan habituais na Renfe, mentres esperabamos a saber se seguiamos adiante ou se quedabamos parados nalgún lugar entre Madrid e Ourense, comecei a pensar no xeito que ten cada un de nós de procesar e aceptar unha experiencia na que pouco podes facer máis que esperar (pois nos trens e nos avións unha xa sabe que o seu tempo está ao servizo das compañías que os operan). No meu asento escoitaba, sen querer, as diversas conversas ao meu redor, e reflexionaba sobre as diferentes versións posibles que se poden xerar a partir dun mesmo momento. O tren ía con retraso, e sen máis información ca esa subimos a el, pero logo parouse varias veces, e cando paraba soaba unha alarma, e aínda que coa primeira alarma fíxose o silencio no vagón, coas seguintes supoño que sabiamos que non había perigo, polo que todos seguimos ao noso. Pero logo de varias paradas, e dun retraso xa considerable, comezaron as chamadas telefónicas; «que chego dúas horas tarde», «que vou perder a conexión». Cada un tiña o seu xeito de lidar coa situación. Había xente ofendida, enfadada, frustrada, cansada, habíaos que se queixaban e habíaos que simplemente deixaban pasar as cousas. E entón comecei a pensar na idea de que se unha mesma experiencia pode ser narrada de mil xeitos diferentes, segue a ser a mesma experiencia? E se é así, cal é a verdade de todas as versións dun mesmo momento? A dez minutos de Ourense quedamos detidos de novo, e entón escoitei a alguén dicir «agora estamos parados no medio de ningunha parte», e eu sorrín e pensei na súa verdade, pois se non es de aquí, e dependendo a onde vaias, ás veces Ourense é o medio da nada…