La Voz de Galicia – 12 de novembro, 2021 →
De súpeto volve a ser venres. E pregúntome que pasou con todas aquelas cousas que dixen que ía facer esta semana e que, por algunha razón, non fixen. Pois por unha banda están as cousas que teño que facer, esas que considero parte das miñas múltiples profesións, e que sempre son capaz de sacar adiante: coma escribir esta columna ou preparar aquela clase. Pero por outra banda están esoutras cousas que digo que vou facer, e que por non ser para xa, vou deixando para outro momento. Esas son as que máis pesan, pois ocupan espazo na miña cabeza, e son cousas que quero facer. Pero sempre aparece algo que as vai adiando até que chega de novo a fin da semana e decátome de que volvín a non poñerme en serio con esa novela que escribín, nin con aquela historia que quero contar.
E entón penso que polo menos son capaz de usar o tempo libre falando coa Maruxa e as miñas irmás, achegándome ao seu mundo a pesar de estar doutro lado do Atlántico. Sei que non estou a perder o tempo, pois sen ese bocadiño de realidade diaria, non podería existir. Mais agora que xa non vou de xira, agora que xa non teño que coller un avión diario, esfúmanse as horas do día.
Unha das cousas que aprendín neste tempo de pandemia foi ir deixando de lado todo aquilo que non aportaba sentido á miña vida. Decidir o que non era necesario foi un dos procesos máis complexos, duros e fermosos destes meses. Pero agora que estou aprendendo a vivir estoutra vida fóra da que tiña antes, vexo que aínda non aprendín a non cometer os mesmos erros, en especial ese do que fala a viñeta de Mafalda que hai enriba na miña mesa, esa que di: «Coma sempre: o urxente non deixa tempo para o importante».
How I admire your intelligence and persistence! Don’t give up.