O lado luminoso

La Voz de Galicia – 17 de novembro, 2023 →

Cristina PatoÁs veces, cando leo o xornal, sorpréndome a min mesma buscando boas novas. Boto unha ollada xeral e vou directa a aquelas novas que sei que son amables, que sei que podo aturar nese momento. Pois os tempos son tan complexos que é difícil manterse informada sen caer nunha especie de tristura infinita, nun desasosego constante. E coido que ás veces fago o mesmo coa xente que teño arredor de min. Hai días nos que só atopo forzas para falar cos que me fan sentir ben, e evito ter contacto con outras persoas para simplemente non ter que lidar coa falta de amabilidade, ou a falta de empatía, que impera na sociedade actual. Porque a verdade é que cada día somos menos amables, ou temos menos paciencia, ou somos máis violentos, ou aturamos menos aos outros. E por desgraza as calidades negativas son tanto ou máis contaxiosas cás positivas, e, cando unha sabe que é probable que caia no lado que non lle fai ben (no lado escuro), unha ten que facer un dobre esforzo para manterse (seguindo coa metáfora da Guerra das Galaxias) no lado luminoso. Pois manterse nese lado require un compromiso constante coa idea de que todos temos a capacidade de facer o ben arredor de nós, de que todos podemos ser mellores persoas, de que todos podemos contaxiar amabilidade e empatía, en vez de odio e crispación. Pero que difícil é ás veces non caer nese lado escuro, non deixarse levar pola envexa, a avaricia, a ira, a soberbia, o odio… especialmente cando todas as novas que se nos ofrecen acotío están infestadas de precisamente iso. E que difícil é tamén sentir a esperanza de que seremos capaces de reconducirnos cara ese lado luminoso antes de que sexa demasiado tarde…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.