O pacto do esquecemento

La Voz de Galicia – 28 de febreiro, 2020 →

Cristina PatoEra a segunda vez que o vía, e supoño que por iso a miña asociación de ideas foi diferente. O documental de Almudena Carracedo e Robert Bahar, El silencio de los otros, é unha ferramenta fundamental para comprender as consecuencias da xustiza transicional, entendendo esta como «o conxunto de medidas xudiciais e políticas que diversos países utilizaron como reparación polas violacións masivas de dereitos humanos»; e para comprender as consecuencias do esquecemento.

Na miña casa nunca se falou da ditadura, nin dos mortos que non foran os nosos. A realidade na que naceu a miña irmá Teté (en 1967) era moi diferente á realidade na que nacín eu (en 1980), e sempre pensei que o noso xeito de vivir a política, e a nosa relación coa mesma, estaban marcadas por este salto xeracional de nacer en dous momentos históricos tan diferentes.

Pero semella que nunca fun de todo consciente do impacto que a Lei de Amnistía do 1977 (o pacto do esquecemento) tivo no cotián, no xeito no que contamos as nosas pequenas historias. Pois non conectara o feito de que, até hai un par de anos, nunca escoitara á miña nai, que é da Bola, falar «dos do Furriolo»… Supoño que ela, de xeito consciente ou inconsciente, decidiu esquecer esa parte da historia da súa terra, e para min é fascinante ver como agora, cando xa non ten filtro por causa dunha demencia, pinceladas da outra historia, da esquecida, aparecen dentro das súas recorrentes historias da infancia.

E é que a perda da memoria colectiva é unha enfermidade tan grave e dolorosa coma a perda da memoria cognitiva (a individual), pois nos dous casos o suxeito que a padece non é capaz de ver que xa non é consciente do que está a esquecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.