O peso da memoria

La Voz de Galicia – 12 de xullo, 2024 →

Cristina PatoLevo uns días buscando uns papeis na casa da miña nai. Son papeis deses que non deberiamos perder: escrituras, certificados, documentación, e que por algunha razón non son capaz de atopar. Son cousas que pasan, penso, e supoño que se non aparecen hai xeitos de conseguir copias, pero metéuseme na cabeza encontralos. E nese proceso de buscar e rebuscar apareceron cousas que non buscaba, que non quería ver, e cousas que me fixeron reflexionar aínda máis sobre como son os camiños da vida. Tamén atopei lembranzas que esquecera, e que estaban mellor aí, no esquecemento.

E dalgún xeito, nese proceso, sentinme afortunada, pois sempre tiven mala memoria, e esquecer momentos do pasado (bos e malos) é un proceso natural para min. Sei que ás veces resulta necesario lembrar, e especialmente non esquecer, sobre todo cando o esquecemento está institucionalizado. Pero a nivel persoal, coido que ter mala memoria é unha calidade que non fun capaz de apreciar até agora. De súpeto sentinme ben por poder deixar pasar as cousas, aínda que non sexa a propósito, e pregunteime cal sería o segredo para enterrar esas memorias dun xeito tan inconsciente. Pero nese segundo proceso comecei a pensar nelas, e entón tiven que deixar o que estaba a facer para ver se así podía esquecelas de novo.

Que complexa é a memoria e o seu xeito de manifestarse… Ao final non atopei o que buscaba, mais atopei cousas que non buscaba, e nelas puiden ver que mirando para adiante (en vez de para atrás) unha pode, polo menos, imaxinar a esperanza de seguir construíndo experiencias, que probablemente tamén esquecerei, pero que me ancoran ao presente, coa lembranza do vivido, sen o peso da memoria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.