Oír de máis

La Voz de Galicia – 19 de agosto, 2022 →

Cristina PatoEu chámolle oído polifónico, aínda que do que escribo hoxe nada ten que ver coa música. Igualmente, e para que quede claro, segundo a Real Academia Galega a polifonía musical é «a combinación (…) de varias voces ou varios instrumentos que executan melodías distintas pero harmónicas».

O oído polifónico ao que me refiro aquí é a capacidade de escoitar moitas cousas á vez e, ao mesmo tempo, non ser capaz de non estar pendente de todas. No meu caso fai que para poder traballar teña que illarme acusticamente, pois tendo a conectarme con calquera ruidiño (por moi leve que sexa), ou con calquera conversa (por moi lonxe que estea). Mesmo fai que cada vez me custe máis escoitar música (pois escoito os sons que compoñen unha obra musical por separado), ou estar en sociedade (pois, sen querelo, sigo todas as conversas arredor de min). Lin por aí que é unha capacidade herdada, pero estes días, nos que ando enfadada porque non son capaz de espantar os ratos da casa, fixéronme reflexionar sobre o que significa escoitar máis do que necesitas.

Os ratos comen na miña cociña todas as noites, pero eu escóitoos coma se estivesen a carón da miña cama. Eses infrasóns amplifícanse de tal xeito na miña cabeza que non son capaz de non estar pendente deles. E nesa teima de intentar non escoitalos o único que consigo é o contrario. Pásame con eles o mesmo que me pasa coa televisión, e coas redes sociais, e coas noticias falsas: por moito que queira evitalas, por moito que non as queira na casa, cada vez é máis difícil desfacerse delas, pois, ao igual cós ratos, están por todas partes, ocupando as nosas vidas, acabando co máis valioso que temos: o silencio de estar con nós mesmos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.