Os soños de maio

La Voz de Galicia –30 de abril, 2021 →

Cristina PatoMicaela, Negrita e Mosquito son algúns dos gatiños da miña irmá Yoly. Tamén ten unhas cantas pitas, e un galo. E coido que se está a facer amiga do can dun dos seus veciños. Xeralmente, cando falamos por videoconferencia, imos «saudando» aos animais que estean dispoñibles. Ás pitas e ao galo sempre os vexo, pois están na horta, e a miña irmá sempre me leva a «pasear» por ela. Pero os gatos van ao seu, ás veces están todos (e algún máis) e outras veces non hai ningún á vista.

O caso é que hoxe soñei que os gatos da Yoly construían un maio na praza do Ferro, e que as pitas cantaban as coplas dos maios que elas mesmas escribiran. Tamén soñei que o meu pai, que en paz descanse, tocaba o seu acordeón no medio da rúa do Paseo mentres os cans do barrio sacaban a bailar as cadelas. Logo fun dar un paseo coa miña nai nunha carroza feita con carrabouxos, e á volta do paseo recollemos á miña irmá Teté, que por suposto estaba en Madrid. E polo camiño, pasamos a buscar a miña outra irmá, Raquel, que se atopaba asando laranxas no xardín do Posío mentres a súa filla Quela improvisaba unhas coplas cuns pavos reais.

Ah! Os soños! Hai días nos que unha prefire quedar neles, e outros días nos que é mellor non lembralos. Pero eu vou gardar o de hoxe, pois quizais me sirva para lembrar que as cousas máis importantes da vida son precisamente esas cousas pequeniñas que non sempre apreciamos porque as damos por sentadas. Esas cousas que nos equilibran e nos devolven ao presente cun sorriso: como escoitar á natureza, celebrar a beleza do mes das flores… ou falar por videoconferencia cun ser querido que teña pitas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.