La Voz de Galicia – 3 de febreiro, 2023 →
Estes días, cada vez que ía ao supermercado a por ovos atopaba un cartel que dicía «pola escaseza de ovos só está permitido levar dous cartóns por cliente», e aínda así nunca chegaba a mercalos, pois ao ir á compra ao final do día xa non quedaba ningún. O caso é que nos Estados Unidos o prezo dos ovos ten subido dun xeito radical por mor de, entre outras cousas, a gripe aviaria e a inflación, e precisamente por iso estes días estase a falar nos medios norteamericanos da eggflation, un xogo de palabras que ven dicir algo así como ovoflación. E é curioso, pero para unha persoa coma min, á que os números, a economía e os cartos non se lle dan ben, ler e aprender sobre a ovoflación resultoume moito máis ilustrativo que ler e aprender sobre a inflación directamente. Pois levo meses tentando entender a inflación, a súa orixe, as súas consecuencias, o que significan esas porcentaxes que saen nos medios todos os días; tentando entender por que pago case o dobre do que pagaba hai un ano na miña compra semanal. E de súpeto, unha explicación sobre o prezo e a escaseza dos ovos nos EE.UU. fixo que (por un momento) fose capaz de asumir de novo o meu reto de comprender a inflación, a través destes ovos tan metafóricos coma reais… Igualmente, ás veces éme imposible darlle sentido ás cousas que non podemos controlar, e, por moito que lea a definición da RAG da palabra inflación —«situación ou fenómeno que consiste nunha suba xeneralizada e continua dos prezos provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación»—, o único que son capaz de entender ben é que estará con nós durante máis tempo do que podemos permitirnos vivir con ela…