Paréntese

La Voz de Galicia – 13 de novembro, 2020 →

Cristina PatoHai algúns anos que escoitei a teoría da «paréntese de Gutenberg», desenvolvida polos daneses Thomas Pettitt e Lars Ole Sauerberg, e quedei fascinada coa idea de que un cambio tecnolóxico como foi a invención da imprenta, producise non só un cambio cultural radical no xeito que temos de ser, estar e pensar, senón que o cambio tecnolóxico no que estamos agora, o da Internet, lévanos de volta a un xeito de aprender e de pensar similar ao que houbera antes da imprenta do século XV. Antes da imprenta a oralidade era fundamental. En cambio, durante os séculos nos que a letra impresa (e contida) era a única forma de distribución do pensamento, a oralidade pasou a ser secundaria. E logo, coa chegada de Internet, estoutra forma de «oralidade» (con Google e as redes sociais) volve a ser fundamental no xeito que temos de relacionarnos.

Estes días matinaba sobre canto están a cambiar as realidades profesionais que coñezo durante a pandemia. Pensaba na supervivencia das profesións relacionadas cos eventos culturais, e na adaptación a este novo xeito de facer da casa un escenario. Pensaba tamén en como afectará a actual sobredose de contido cultural dixital no xeito de crear da seguinte xeración. E nos docentes, que fan da súa habitación unha aula mentres loitan pola atención duns alumnos que están tan fartos coma eles desta situación.

Seguindo a teoría de Pettitt, quero pensar que a pandemia é tamén unha paréntese, e que este xeito de sentir, crear e comunicarse a través das redes é unha consecuencia temporal. E que cando todo isto pase, volvamos a apreciar a beleza da oralidade (e de facer da nosa horta un escenario) pero a poder ser, sen unha pantalla polo medio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.