La Voz de Galicia – 23 de outubro, 2020 →
Non foron nada máis ca un par de horas, pero diante daquela monumental obra de arte, sen apenas xente, esquecín tódalas cousas que me preocupaban nestes días. Era coma unha cápsula do tempo chea de beleza na que, se non fora pola máscara, por un momento case esquecín a pandemia. Simplemente fun ao MET (o Museo Metropolitano de Nova York), e asombreime con cada pintura e percorrín emocionada os baleiros corredores e reflexionei sobre o xeito que ten a cultura de facer autocrítica.
O MET cumpre cento cincuenta anos, e para celebralo deseñaron unha exposición sobre a evolución do museo e sobre o seu rol na sociedade; unha exposición na que, entre outras cousas, cuestionan o punto de vista desde o que se fala cando se fala de cultura. Pois a perspectiva importa, e tamén se transforma. E aquelas cousas que non nos molestaban hai cen anos probablemente nos molesten agora, e viceversa.
O meu paseo cultural da semana tamén me fixo matinar sobre o uso e significado da palabra cultura. Pois se nos paramos a pensar no que é a nosa cultura, teriamos que pensar en todos nós e os nosos costumes. E se tiveramos que definila, probablemente acabariamos con dous millóns e medio de definicións diferentes (e outras tantas desde a diáspora), e todas elas terían algo de verdade. E a suma de todas esas verdades é a nosa cultura.
A definición do nós cultural sempre vai ser limitada, pois é imposible representarnos a todos nunha frase ou nun museo. Pero o resultado do exercicio de autocrítica retroactiva do MET axudoume a ter algo máis de esperanza no xeito co que poderiamos amosar a nosa identidade cultural: asumindo os erros de perspectiva.