La Voz de Galicia – 10 de xullo, 2020 →
Hai días nos que perdo a esperanza e tiro a toalla. Nos que non teño gana de nada, pois só queda esperar a que pase. E hai outros días nos que me ilusiono cun pequeno proxecto, cunha cousiña de nada que, de súpeto, fai que recobre a perspectiva e a paixón por seguir vivindo como vivín sempre: sen ningunha garantía de que o que teño sexa para toda a vida. Supoño que os días nos que perdo a esperanza son os días nos que esquezo que todo é pasadío, especialmente a saúde e a felicidade. E supoño que é a nosa perspectiva persoal a que fai que decidamos considerar os momentos nos que nos sentimos ben como as memorias que constrúen as nosas vidas.
Oxalá fósemos capaces de aprender a ter perspectiva do mesmo xeito que se fai cando unha aprende a debuxar: paso a paso, probando, até dar coa perspectiva axeitada para a idea do que queremos debuxar, até dar coa perspectiva axeitada ao noso xeito de debuxar a vida. Sería fermoso poder aprender a vivir así. Ensaiando os pasos, sen abafarnos porque non saen ben, sen sentirnos mal por ter que rachar o papel no que comezamos o debuxo, sen decepcionarnos a nós mesmos por non ter chegado ao resultado que imaxinamos.
Perdo a esperanza cando perdo a perspectiva, e ás veces tardo en recuperala. Pero hoxe simplemente desexo que este tempo de pandemia sirva para aprender a valorar as pequenas cousas que nos enchen e emocionan, as cousas que nos dan unha perspectiva propia, sen deixarnos levar pola doutros. Pois nestes días, nos que vemos como nos afecta a constante opinión pública nos medios e nas redes, unha tamén ten que aprender a ver que a perspectiva non é sempre tan propia como cremos.