Resiliencia

La Voz de Galicia – 5 de marzo, 2020 →

Cristina PatoO que pode cambiar a vida nun ano… Lembro perfectamente o que fixen tal día coma hoxe do 2020, pois foi o meu último evento público na cidade de Nova York. E tamén lembro a normalidade da viaxe a Galicia, dous días despois, pois ía ter unha pausa dunha semana para logo volver a impartir as clases na universidade, e á tempada de concertos de primavera. Pero de súpeto, a vida cambiou. O que ía ser unha semana converteuse nunha estadía de meses; as clases pasaron a ser en liña, e os concertos fóronse adiando até que remataron cancelados. E curiosamente, ese proceso de cambio persoal e profesional no que xa estaba somerxida desde hai tempo, acelerouse de tal xeito que me fixo cuestionar absolutamente tódalas cousas que me rodean.

Agora, un ano despois dese comezo desta outra vida, quizais sexamos un pouco máis conscientes de que o que tiñamos hai un ano xa non vai volver. A vida xa é diferente. O ecosistema das nosas pequenas e grandes cidades xa mudou. E aínda que queda moito por diante, esa impresión de que xa estamos cerca do final desta pandemia trae consigo unha sensación complexa, polo menos para min: poder ou saber adaptarse ao seguinte capítulo da nosa realidade depende moito das circunstancias do momento da vida no que unha se atope. Afacerse á incerteza é complicado para todos. E probablemente o sexa moito máis para aqueles que durante este ano perderon algún dos piares (emocionais ou económicos) que sostiñan as súas vidas. Pero se algo aprendemos desta pandemia, é que a resiliencia dos seres humanos, capaces de adaptarse e aceptar unha realidade tan cruel coma cambiante, segue a ser a grande esperanza da nosa existencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.