La Voz de Galicia – 30 de decembro, 2022→
Hai un par de meses lía un artigo no The New York Times sobre os pequenos rituais cotiáns que ten a xente para poder seguir co seu día a día («The Little Rituals That Keeps Us Going»). E aínda que era un artigo no que simplemente enumeraban unha selección de rituais enviados polos seus lectores, a verdade é que no momento fixérame reflexionar sobre cales eran os meus, e sobre o que pasaba cando non podía levalos a cabo. De súpeto comecei a anotalos e a ser máis consciente do que significaban, e pouco a pouco decateime de que sen eses rituais (ás veces completamente ridículos) non era capaz de render nos meus pequenos retos diarios do mesmo xeito que o facía cando, por exemplo, saía a camiñar dúas veces ao día ou chamaba á Maruxa outras dúas.
Nos tempos que vivimos ás veces é complexo lembrar que é o que nos fai ben e facelo. Hai momentos nos que quedamos atascados nesoutro labirinto de emocións que non nos leva a ningunha parte, e que se cadra tentamos apagar cos estímulos que están aí soamente para captar a nosa atención e non para axudarnos ou acompañarnos (o scroll sen fin nas redes sociais, a telerrealidade, o telelixo). Entón, en vez de usar ese valioso tempo libre para desconectar dun xeito máis san, menos mundano, acabamos incluso peor, porque realmente somos conscientes de que iso tampouco nos fai ben.
Agora que rematamos outro ano complexo, no que se instalou definitivamente a incerteza, no que atoparemos mil escusas para dicir que ese ratiño co móbil ou ca tele nos está a axudar, unha non deixa de matinar na importancia deses outros rituais máis humanos que nos fan a vida un pouco máis soportable, que nos salvan a vida acotío.