Saltar ao baleiro

La Voz de Galicia – 6 de xuño, 2025 →

Cristina PatoCada vez que paso por alí penso no difícil que sería para min facer o que fan eles: saltar ao baleiro nun trapecio voante. Están ao aire libre, no tellado do peirao número corenta do río Hudson, e cada día, a media tarde, cando fago o meu paseo polo río, vexo como voan, e miro para eles desde abaixo, coma unha nena pequena abraiada por algo imposible. Os que están alí arriba son os da Circus Academy de Nova York, que ofrece clases de trapecio voante a principiantes de todas as idades; e aínda que son consciente de que nunca sería capaz de tan sequera imaxinarme nel, ás veces soño que salto, e que vou voando dunha barra á outra, para de súpeto espertar na miña cama cos brazos arriba, agarrada a un trapecio invisible, e coa sensación de pasar lixeira por riba das cousas que sabemos pesadas.

Ultimamente soño moito con iso, e, a pesar de que nunca me vin nunha situación así, durante o soño sinto unha especie de liberdade que adiviño similar á que quizais sintan os que si se atreven a lanzarse no trapecio voante… E é curioso pensalo, pois para min a mera idea de facelo (fóra da inexplicable vida onírica) éncheme de medo, e probablemente, se me vira na circunstancia, paralizaríame por completo. Pero aquí e agora, no medio dun momento político que fomenta acotío a cultura do medo (e que ninguén sabe a onde nos levará), de súpeto sinto a necesidade interior de balancearme nun trapecio voante… E entón penso nos tipos de medos cos que convivimos todos, nos que nos impoñemos e os que nos impoñen, e volvo á imaxe do trapecio, e á esperanza de que pase o que pase, se caemos ao baleiro, oxalá haxa unha rede que nos axude a non destruírnos completamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.