Seguir aprendendo

La Voz de Galicia – 1 de novembro, 2024 →

Cristina PatoTiña unha morea de ideas anotadas para a columna de hoxe. Ía falar da miña recente fascinación coa vida de Little Richard, a lenda do rock and roll que foi a inspiración de Mick Jagger, The Beatles ou David Bowie. O autoproclamado «orixinador» que ademais de ser unha explosión de enerxía e de talento, ademais de ser un pioneiro nunha infinidade de aspectos musicais e sociais, era tamén unha persoa chea de contradicións, que foi amosando abertamente a longo da súa carreira e da súa vida pública. Tamén ía falar da miña fascinación coa grandísima Sister Rosetta Tharpe, a guitarrista e cantante de gospel que xa era unha sensación nos anos trinta, e que foi a inspiración de Little Richard, Elvis Presley ou Eric Clapton. Unha pioneira da guitarra eléctrica e da distorsión, cun estilo magnético, único e inconfundible que serviu de base para o que hoxe coñecemos coma rock and roll, ese mesmo xénero que se foi branqueando e masculinizando polos camiños da historia. E sobre Mahalia Jackson, a raíña do gospel cun forte papel no movemento dos dereitos civís dos anos cincuenta. E sobre a súa pianista acompañante: Mildred Falls, unha música sobre a que aínda queda moito que aprender…

Todo isto para intentar reconducir uns pensamentos que, nesta época do ano, na véspera do día de Defuntos, e co que está a acontecer no mundo e arredor de nós, tenden ao pesimismo. Todo isto para lembrarme a min mesma, en menos de 300 palabras, que sempre que haxa un mínimo de interese en coñecer o que non coñeciamos, sempre que teñamos a vontade de seguir aprendendo, a esperanza de querer seguir facendo deste mundo un lugar máis humano faise un pouco máis levadía…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.