La Voz de Galicia – 8 de febreiro, 2026 →
A obra 4’33’’de John Cage é unha desas composicións da música contemporánea que fixo historia por unha morea de razóns. Entre elas o feito de que a partitura impresa, que está dividida en tres movementos, pon simplemente tácet, un termo usado na música clásica para indicar un silencio prolongado; e a suma dos movementos é catro minutos e trinta e tres segundos de…“silencio”. E outra das razóns é que as súas primeiras interpretacións deron moito que falar no seu tempo (estreouse no 1952) pois non deixa de ser un exercicio complexo sobre o xeito que temos de escoitar e aceptar que é e non é música.
Esta semana, un compañeiro deu unha charla sobre a obra que me fixo reflexionar sobre como foi cambiando a miña perspectiva con respecto ao silencio durante os anos. Pois realmente non existe o silencio, sempre hai algo que soa, o propio Cage corroborouno cando visitou a sala anecoica da universidade de Harvard (un habitáculo que absorbe as ondas sonoras) e nese silencio escoitou a frecuencia dos sons do seu propio corpo.
Catro minutos e medio de silencio imposto fóra de contexto (fóra dunha biblioteca, dunha sala de espera, dunha igrexa, dunha aula) dan para moitos sons. E xa non falo dos sons que están arredor de nós e que non sempre somos conscientes de que os escoitamos (unha tose, un paxaro, o roce da roupa, o respirar, os coches pasar). Senón deses sons que están dentro de nós, e que ás veces non paran de aturularnos. Falo desa voz interior, a da nosa conciencia, que non deixa de falar e falar e que non é posible calar… Oxalá puidese calmar os sons dos meus pensamentos escribindo un tácet na miña partitura mental, aínda que fose por un segundo.