Sobre o futuro

La Voz de Galicia – 18 de outubro, 2024 →

Cristina PatoVía esta semana en Netflix a serie documental de Bill Gates chamada ¿Y ahora qué? El futuro según Bill Gates, dirixida por Morgan Neville, na que explora, entre outras cousas, os avances tecnolóxicos no eido da intelixencia artificial, da desinformación, da desigualdade e do cambio climático, e non podía parar de pensar naquel vídeo que circula polas redes de Bill Gates e o presentador David Letterman. No ano 1995, Letterman entrevistaba a Gates no seu Late Show con motivo do lanzamento dun libro, e nun momento da entrevista pregúntalle por «esa cousa chamada internet», ao que Gates responde dicindo que no futuro poderemos publicar a nosa propia información, recibir correo electrónico… e Letterman, no seu rol de entrevistador escéptico, ri, e continúa bromeando con respecto á utilidade da internet, e á idea de que no futuro haberá un ordenador en cada escritorio de cada casa… Nese vídeo de 1995, Gates remataba mencionando que os ordenadores son ferramentas, pero que quizais no futuro sexan capaces de pensar, e recoñece que dá algo de medo pensar niso.

Hoxe, trinta anos despois daquela entrevista, vendo a serie documental de Gates, especialmente os capítulos sobre a intelixencia artificial e sobre a desinformación, penso no rápido que está a avanzar a tecnoloxía e no pouco preparados que estamos como sociedade para asumila de xeito seguro. Quería escoitar a Gates como o facía Letterman no 1995, con incredulidade, para poder cuestionalo, pero xa non temos tempo para iso, pois semella que na IA non hai límites (a menos que os poñamos nós).

Así que só queda prepararnos para o que vén, e preguntarnos, con medo, quen terá o poder de regulala…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.