La Voz de Galicia – 2 de novembro, 2018 →
Soñei que estaba a durmir, e, cando espertei, máis cansa que cando me deitara, pensei que debería seguir durmindo. Pero coma tantas outras veces téñome que levantar antes de que o meu corpo estea preparado para traballar. Supoño que por iso soño con durmir.
Hai uns días escoitaba un dos meus podcasts favoritos: Hidden Brain da NPR (a radio pública estadounidense). O capítulo ía do poder rexenerador do sono e centrábase no traballo de investigación do neurocientífico da Universidade de California, o Dr. Matt Walker, que se considera a si mesmo un «diplomático do sono», e que fundou hai algúns anos o Center for Human Sleep Science (algo así como o «Centro para a ciencia do sono humano») coa idea de estudar o impacto do descanso, do sono, nos seres humanos. Nos seus estudos fala dos cronotipos, das variacións dos nosos ciclos fisiolóxicos (eses ciclos que fan que algunhas persoas funcionen mellor de día e outras de noite), e tamén fala do impacto da falta de sono na saúde e na enfermidade.
Non sei cantas horas lle roubei ao sono na miña vida (moitas máis das que quixera), e quizais nalgún momento até me sentín orgullosa por durmir pouco. A realidade é que as profesións itinerantes como a miña requiren cambios constantes, e, despois de vinte anos na música, desenvolvín unha asombrosa capacidade para poder durmir por horas en calquera momento e de calquera xeito. Pero nesta época do ano, cando o corpo está aínda adaptándose aos cambios de temperatura, unha atópase cansa; e durmir, ou mellor dito, descansar, custa máis e precisa máis disciplina. Así que, para os que poden facer ponte, sirva esta columna como apoloxía do infravalorado descanso…