La Voz de Galicia – 22 de febreiro, 2019 →
Estabamos a ver unha desas series de superheroes, pois ese é o xeito que teño de que o meu marido non rosme cando logo propoño ver un documental sobre, por exemplo, Las Sinsombrero. O caso é que comezamos a falar sobre a falta de representación de heroínas no imaxinario colectivo, e rematamos falando dos «superpoderes». Pareime a pensar na mera idea dos superpoderes, do que significan e de como se significan, e en cales son as capacidades que fan a unha un superhome.Comecei a escribir esta columna coa idea de cuestionar o contido e forma dos superpoderes, mais decateime de que o dicionario da Real Academia Galega ten por aceptada a palabra superhome pero non supermuller. As definicións de superhome segundo a RAG son dúas: unha é unha referencia filosófica e a outra é «Home de calidades moi superiores aos demais». Non hai supermulleres como tal; segundo a nosa lingua non existe ese concepto, e, se a lingua reflicte a nosa realidade, entón as heroínas son tan invisibles (en comparación cos heroes) que nin tan sequera aparecen como palabra. E non quería entrar no debate sobre o uso do masculino xenérico, pero, formulado de xeito práctico, segundo o noso dicionario, un pai podería ser un superhome pero unha nai tería que ser un superhome tamén.
Realmente esta columna ía ser unha reflexión comparativa sobre os superpoderes dos heroes e os das heroínas. Quería escribir sobre o infravalorado superpoder de emocionar, pois a miña intención era celebrar o nacemento da heroína que aínda hoxe nos fai sentir cousas tan profundas como imposibles de expresar: a supermuller Rosalía de Castro, que este domingo faría 182 anos.