Tamén hai ben

La Voz de Galicia – 25 de marzo, 2022 →

Cristina PatoO outro día lía un artigo sobre o Premio Nobel de Literatura 2021, nado en Zanzíbar e residente no Reino Unido, Abdulrazak Gurnah, no que incluían unha serie de declaracións feitas no contexto da presentación da tradución ao castelán da súa novela A orillas del mar. O artigo citaba unha reflexión sobre a natureza humana relacionada coa idea de tentar agarrarse á capacidade de facer o ben da sociedade, pois, segundo Gurnah, «hai que aferrarse a iso e convencerse de que é preferible que sexa así».

Entón comecei a buscar novas que celebrasen precisamente esoutra capacidade do ser humano, esa capacidade que fai que axudemos a un veciño cando o precisa, que entendamos a crúa realidade dun refuxiado, que sintamos empatía… E hei de confesar que é complexo atopalas sen sensacionalismo, non porque non existan (pois se sobrevivimos como especie é precisamente grazas a que somos quen de axudarnos os uns aos outros, de apoiarnos), pero hai algo curioso no feito de que, dalgún xeito, xa nos afixemos ás malas noticias, ás novas que amplifican a peor parte de nós.

Ás veces me pregunto que efecto tería completar o círculo pensando que, do mesmo xeito que os medios teñen a responsabilidade de amosarnos as inxustizas que nos asolan, tivesen tamén a responsabilidade de informarnos dos actos de xenerosidade, de xustiza social e de amabilidade (volvendo a Gurnah) que pasan acotío arredor de nós. Que efecto tería en nós escoitar tanto ao Ben como escoitamos ao Mal? Cambiaría en algo o noso xeito de enfrontarnos á vida? Seriamos capaces de deixarnos levar pola bondade e a empatía? Supoño que non, pero eu, como Gurnah, quero pensar que iso tamén é posible…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.