La Voz de Galicia – 31 de decembro, 2021 →
Pois aí queda un ano máis. Cheo de incerteza, coma o anterior, e cheo de inseguridade, coma o anterior. Pero tamén remata un ano no que quizais puidemos reflexionar sobre o que significa estar vivo, e sobre o tipo de vida que desexamos para o seguinte capítulo da nosa existencia.
Sen dúbida o 2021 foi un ano complexo, aínda que se unha se para a pensar no que significa esa palabra, coido que non hai un ano que non teña sido complexo. Mais o nivel de complexidade co que nos ensinou a vivir a pandemia é extremadamente cansado, e moitos de nós, durante este ano, aprendemos cales son as consecuencias do incrible esgotamento mental que orixina o non estar seguro de absolutamente nada.
Pero hoxe, buscando cousas boas para compartir nesta última columna do ano, pensei que quizais esa idea, a de aprender a vivir coa inseguridade, sexa a lección máis importante do 2021. Porque, a diferenza dos meus pais, eu crecín no benestar, na seguridade da comida na mesa, na crenza de que a nosa existencia era infinitamente máis doada ca deles, pois polo menos nós xa sabiamos cales eran os pasos que tiñamos que seguir para poder sobrevivir. Pero a realidade nunca foi así. Ese nivel de seguridade co que nos ensinaron a vivir aos fillos dos que non puideron ir á escola, esa noción de que «se fas isto ou aquilo chegarás a estoutro» sempre foi unha utopía, porque para eles a seguridade era un traballo para sempre, e non todos somos felices coa idea de ser unha soa cousa na vida.
Así que si, no 2021 aprendín que quizais a vida tamén consista en aprender a convivir coa certeza de que nunca teremos a seguridade de absolutamente nada, e que niso tamén hai beleza…