Versos e xenes

La Voz de Galicia – 30 de xuño, 2023 →

Cristina PatoAs artes axúdannos a falar de conceptos que ás veces resultan complexos de explicar no seu contexto orixinal. Por exemplo, a miña compañeira Juliana Acosta Uribe, que traballa no laboratorio do neurocientífico Kenneth S. Kosik, utiliza unha charla TED do cantautor Jorge Drexler, para amosar aos estudantes o concepto de mestura xenética (genetic admixture). Neste vídeo, Drexler fala da viaxe e da historia da estrofa de dez versos chamada «décima», e de como, desde o Século de Ouro español, se foi adaptando e tomando diferentes formas en diferentes países de Latinoamérica. Juliana é de Colombia, e traballa investigando o contexto xenético das enfermidades neurodexenerativas na poboación colombiana, explorando a viaxe de xenes, que como a décima, partiron dun lugar do mundo e tomaron diferentes formas noutro. Os xenes da poboación colombiana que estuda Juliana veñen dos europeos, os amerindios e os africanos, e precisamente desa mestura xenética nacen a mutacións que provocan o alzhéimer temperán que estudia o Kosik lab.

Estes días, durante unha clase sobre educación, o investigador Mark Church, utilizou a historia da música country para amosar un xeito diferente de falar do racismo sistémico nas aulas, para facernos reflexionar sobre os estereotipos e os sesgos implícitos. E aínda que levo anos traballando con músicos que a través dos seus instrumentos falan de paradigmas de diversidade, houbo algo revelador no xeito que tivo Mark de axudarnos a entender as historias de poder e, neste caso, de inxustiza social e racial, que rodean o complexo mundo dos xéneros e das etiquetas musicais. As historias que, queiramos ou non, acaban definindo unha cultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.