ATLANTIC WATERS: Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia presentou o seu novo disco, realizado coa discográfica Odradek Records e co apoio do Xacobeo 2021-2022. Co título Atlantic Waters, reúne obras de catro compositores galegos contemporáneos: Eduardo Soutullo, Fernando Buide, Juan Durán e Octavio Vázquez. No mesmo participaron ademais a gaiteira Cristina Pato, a soprano Raquel Lojendio e a arpista Alba Barreiro. A batuta levouna o director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel. O disco gravouse en xuño de 2017 e xullo de 2018 na sede da RFG, o Auditorio de Galicia. O encargado do son foi Pablo Barreiro.

Este proxecto, que se presenta no ano do 25º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, enmárcase dentro do compromiso da RFG de apoiar aos compositores galegos contemporáneos.

Cristina Pato encargou ao compositor compostelán Octavio Vázquez en 2014 Viúvas de vivos e mortos como parte do seu pioneiro proxecto de expansión do repertorio para gaita e orquestra “Gaita and Orchestra Commissioning Project”, apoiado por New Music USA. É unha analoxía ao libro V de Follas novas de Rosalía de Castro, un poemario onde a poetisa e novelista galega reflexiona sobre o fenómeno da emigración que se produciu en Galicia entre 1880 e 1975. Vázquez é na actualidade profesor de composición na universidade Nazareth College de Rochester (Nova York). A súa música percorreu medio mundo, eloxiada no New York Times polo seu “melodismo e contundencia rítmica”, atributos que tamén definen o seu concerto para gaita e orquestra.

FONTE: A Real Filharmonía de Galicia presenta o seu novo disco, “Atlantic Waters”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.