O xurado destaca a traxectoria da artista ourensá: “muller comprometida e referente que reflicte con total merecemento o espírito deste premio”
O xurado do XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, acordou por unanimidade concederlle o galardón deste ano á artista ourensá Cristina Pato Lorenzo, “muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”, segundo expresa a acta da xuntanza que tivo lugar o 26 de febrerio nas dependencias da Concellería de Igualdade.
“A súa traxectoria profesional esténdese máis aló do recoñecemento no mundo da música -subliña a acta do xurado-. Como educadora, desenvolveu o seu propio camiño para facer uso das artes como unha ponte de colaboración entre as Humanidades e as Ciencias en varias institucións académicas en todo o mundo. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro coa Editorial Galaxia. Muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”.
O xurado do premio estivo integrado por Noa Rouco Ferreira, concelleira de Igualdade, como presidenta; Stella Estrada Mosquera, da entidade ValoReSC innovation, representante da Comisión de Investigación e Seguimento das Violencias de Xénero; Milagros Sierra Gómez, da Federación Limiar, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, en representación do ámbito social ourensán, e Elena Cid Muñoz funcionaria da Concellería de Igualdade, como secretaria.