Cristina colaborou co artista Juan Valderrama nun concerto en Madrid celebrado con tódalas medidas de prevención no patio do Centro Cultural Conde Duque, dentro do ciclo Los Veranos de la Villa. O concerto, retransmitido pola canle de televisión Telemadrid, celebraba a literatura escrita por mulleres e incluía colaboracións de artistas coma Rozalén, María Toledo, Miriam Cantero e Las Migas, acompañadas por unha fascinante banda de mulleres multinstrumentistas.
Cristina foi tamén convidada a colaborar co grupo de pandeireteiras Tanxugueiras na súa iniciativa de encontros virtuais “Mira unha cousiña…” o 15 de setembro.
Durante os próximos meses Cristina seguirá colaborando, online, con varias universidades, incluída a clase da musicóloga Kay Kaufman Shelemay na Universidade de Harvard e a colaboración co Bard College para a Longy School of Music, dentro do ciclo The Multifaceted Career. Asemade, Cristina continúa coa súa relación coa Universidade de California UCSB liderando a Arnhold Innovative Teaching and Learning Initiative.