O espectáculo multimedia “O Pergamiño Vindel: Unha Viaxe Musical” creado, dirixido e conducido por Cristina Pato foi un éxito rotundo . O concerto, encargado pola Universidade de Vigo para o seu Concerto de Nadal e producido por CUNDE (Cecilia Carballido), explorou a idea de continuidade a través da diversidade e incluíu sete arranxos das cantigas orixinais escritos por artistas galegos de renome procedentes de estilos coma o jazz, o hip-hop, a música antiga, moderna e tradicional: Grupo Martín Códax, Anxo Pintos, Begoña Riobó, Wöyza, o Coro da Mariña dirigido por Ugia Pedreira e Pierrot Rougier, Yago Váquez, Roberto Comesaña, Miguel Cabana e Belén L. Méndez “Nacu” (caligrafías). Aclamado tanto pola crítica coma o público, esto foi o que dixo a prensa:
O espírito musical de Códax – Faro de Vigo, 20/12/2017
O concerto de onte “O Pergamiño Vindel: Unha viaxe musical”, dirixido por Cristina Pato, ben merecería pasar ós anais da historia da música galega así como ós das Cantigas de Martín Códax. As razóns son varias. Primeiro, conseguiu que tódolos músicos e cantantes participantes (preto de medio cento) ofrecesen distintas visións musicais das cantigas do século XIII amosando interpretacións cercanas a como poderían sonar na época na que naceron; ademais de visións máis contemporáneas que abranguen dende o soul, o pop, a música máis clásica, o folk e o fenómeno coral.
A segunda razón vén polo formato, unha ‘remasterización’ do concerto didáctico, xa que no medio das interpretacións incluíronse pequenas entrevistas realizadas pola propia Pato ós músicos acerca dos arranxos que fixeron e sobre a musicalidade da obra de Códax e outras de maior duración ós profesores da Universidade de Vigo Camiño Noia e Bieito Arias Freixedo, que conseguiron achegar ó público a importancia das cantigas medievais, o seu significado e o máis que posible labor feminino na súa creación.