Día del trabajo sin descanso

La Voz de Galicia – 1 de mayo, 2020 →

Cristina PatoRaquel é profesora de instituto, e tamén é a nai de Quela, a única neta da miña nai. Durante este mes e medio, cada vez que a chamamos está ou tocando o violín coa pequecha, ou facendo os deberes con ela, ou dando viravoltas no sofá, ou facendo un informe para a delegación, ou preparando as súas propias clases mentres tenta conectar con aqueles estudantes do instituto que sabe que non teñen acceso aos medios dixitais. Non se queixa, sábese afortunada, pois ten fogar e traballo; pero coma tantos pais, supoño que estará esgotada…

A verdade é que non sei como se apañan as familias con fillos para organizar as súas vidas nestes momentos. Os que teñen traballo, imaxino que farán o posible para conciliar unha situación imposible. E os que xa non o teñen, supoño que estarán a preguntarse, angustiados, como será o mañá. Pero non podo imaxinar cal será a realidade de todas aquelas familias que xa non tiñan acceso a nada, as que xa vivían en risco de pobreza e exclusión social…

Este é un Primeiro de Maio cheo de contradicións. Tal día coma hoxe, hai cento e pico de anos, os traballadores organizáranse para pedir, entre outras cousas, unha xornada laboral de «oito horas de traballo, oito horas de lecer e oito horas de descanso», se cadra algo imposible durante este confinamento. Pero non podemos esquecer o preto que está a pobreza, e o duro que foi chegar a ter os dereitos que temos, do mesmo xeito que non podemos esquecer que a meirande parte dos traballadores do mundo (e da nosa contorna) aínda non os teñen. Quédanos tanto por mellorar, tanto por avanzar!

Hoxe, para algúns, é un Día do Traballo sen descanso, e para outros, é un Día do Traballo sen traballo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.